Xavier Carro reúnese en Navantia cos afiliados a UGT e co comité de empresa


O deputado Xavier Carro (candidato á reelección o 9M), a parlamentaria Beatriz Sestayo e a concelleira Sandra Ríos (candidata ao Senado) reuníronse onte nas instalacións de Navantia con afiliados e simpatizantes da UGT con intención de coñecer as súas inquedanzas e analizar o futuro da factoría. Carro, traballador de Navantia, avaliou moi positivamente a situación de carga de traballo do estaleiro ferrolán (asegurada ata 2014, mediante o recén asinado contrato para a Armada australiana), e ofreceuse a participar na mellora do Plan Estratéxico da empresa, aínda pendente de negociación.
Xavier Carro recordou na reunión cos afiliados de UGT a situación da empresa hai só catro anos e a súa evolución nestes anos desde “un panorama moi complexo” (unha sanción da UE de 1.200 millóns de euros, un proceso de venda de activos de IZAR en marcha, 18 meses de negociación do convenio colectivo, comité de empresa sancionado,...) que derivou na creación de Navantia e a unificación dos estaleiros de Fene e Ferrol “por decisión maioritaria dos traballadores” ata a conversión da empresa nunha potencia que compite con éxito nos mercados internacionais.
Neste sentido, a firma do contrato con Australia sitúa a Navantia Ferrol-Fene nunha inmellorable situación de estabilidade, e permite albiscar novas oportunidades de creación de riqueza na comarca máis aló do ano 2014, “pois lóxicamente, neste tempo a empresa vai continuar optando a novos contratos”.
Carro incidiu especialmente na segura creación de emprego que vai provocar a situación de gran carga de traballo e que obrigará á empresa, á Xunta de Galicia e tamén ao goberno español a poñer en marcha un plan específico e formación para xoves traballadores que permita a súa incorporación ás plantillas das empresas da comarca, que en moitos casos carecen de profesionais en determinados empregos.
Tamén para a fábrica de turbinas baralla Carro novas posibilidades de futuro, tanto no sector eólico como no de reparación de gaseiros. Xavier Carro manifestou aos seus compañeiros de UGT que “Turbinas non se vai perder”.
O deputado socialista, tamén acompañado da parlamentaria Beatriz Sestayo e a candidata Sandra Ríos, reuniuse posteriomente co comité de empresa da factoría, quen avanzou as súas posicións sobre o plan estratéxico, a necesidade de incorporación de mozos e mozas á empresa e o reparto de cargas de traballo entre os centros da empresa.
Carro manifestou a súa decisión de estar “aínda máis cerca de Navantia”, pois os éxitos da empresa e a proxección da factoría aseguran a recuperación da comarca de Ferrol no panorama económico internacional.
Para Sandra Ríos era o seu primeiro acto público, e nel asegurou o seu compromiso cos traballadores e co desenvolvemento da comarca.
Share on Google Plus

About Miguel García

This is a short description in the author block about the author. You edit it by entering text in the "Biographical Info" field in the user admin panel.

0 comentarios: