Desenvolvemento dos dereitos dos traballadores autónomos

Xavier Carro e Sandra Ríos defenderán o desenvolvemento dos dereitos dos traballadores autónomos
Ferrol, 15 de febreiro de 2008
O deputado Xavier Carro e a candidata ao Senado Sandra Ríos reuníronse onte co secretario xeral da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia, Eduardo Abad Sabarís, para analizar o traballo realizado nesta lexislatura, a de máis grande transcendencia para o colectivo dos máis de tres millóns de persoas que no noso país traballan por conta propia. A Lei do estatuto do traballo autónomo colocou o traballo autónomo e a empresa individual no lugar que sempre debería ocupar, equivalente á súa influencia numérica e cualitativa na sociedade española. Sen dúbida, este labor de goberno convértese no principal recoñecemento cara aos emprendedores, que necesitan ante todo dun marco xurídico e protector adecuado para desenvolver a súa función económica e social.
Para Xavier Carro, “o fomento eficaz do traballo autónomo non pode illarse tan só como unha medida máis de promoción do emprego, senón tamén como un elemento substancial das políticas reais de animación empresarial, xa que o 70% das empresas españolas teñen carácter individual e titularidade persoal”.
Catro medidas básicas de apoio a estes traballadores foron destacadas na reunión por Sandra Ríos e Xavier Carro como moi importantes: a configuración da lei como Estatuto, o que a equipara co vixente Estatuto dos Traballadores, a actuación legal ante casos de insolvencia empresarial (fundamentalmente a inembargabilidade dos bens dos autónomos non afectos á actividade profesional) a posibilidade de gozar de prestacións por cese de actividade (similar ás prestacións por desemprego para os traballadores por conta allea) e a capacidade de negociación colectiva.
Xavier Carro destacou que “o goberno socialista cumpriu nestes catro anos pagando unha débeda que o país tiña cos traballadores autónomos, e o recoñecemento destes ao traballo do goberno demostra que se están a facer as cousas minuciosamente e ben”.
Tamén Sandra Ríos destacou a importancia da aportación dos autónomos á vida económica do país e se comprometeu a traballar no Senado no impulso de medidas de desenvolvemento dos dereitos que a nova Lei do Estatuto dos Traballadores Autónomos, aprobada en outubro de 2007, tal e como demanda este colectivo.
Eduardo Abad Sabarís agradeceu o apoio do PSdeG-PSOE a este importante e numeroso colectivo de traballadores e emprendedores e defendeu a nova lei como “unha das máis importantes non só de Europa senón no mundo”.
Share on Google Plus

About Miguel García

This is a short description in the author block about the author. You edit it by entering text in the "Biographical Info" field in the user admin panel.

0 comentarios: