Emprego e benestar

Sandra Ríos e Xavier Carro comprométense coa creación de emprego e benestar na comarca, nun acto en Esmelle
Ferrol, 20 de febreiro de 2008
Os candidatos ferroláns ao Senado e o Congreso, Sandra Ríos e Xavier Carro, respectivamente, explicaron hoxe na parroquia de Esmelle os “Motivos para crer” no Partido Socialista, apenas 24 horas antes de que comece a campaña electoral. Os dous candidatos incidiron en que o PSOE “comprometeuse hai catro anos a levar adiante un profundo proceso de transformación da sociedade española en todas as ordes, e cumprimos a palabra dada”.
Sandra Ríos asegurou que “sabemos que a mulleres e xoves nos queda un camiño longo por percorrer e que debemos ser os protagonistas do noso futuro”, por iso o PSOE comprométese a que o goberno dedique os maiores esforzos orzamentarios á educación en todos os seus niveis, á investigación e ao acceso de todos á cultura.
Ríos fixo especial fincapé nas propostas medio ambientais do goberno socialista, “pois en Esmelle tedes os veciños e veciñas traballado moito para poñer en valor os espazos naturais e paisaxísticos dos que gozamos todos”. A intervención política para favorecer a conservación do medio natural é –dixo Sandra Ríos– un compromiso político ineludible dos socialistas.
O deputado Xavier Carro, pola súa parte, incidiu na súa intervención nun dos asuntos que máis preocupen aos ferroláns: o emprego. Carro recordou como, cando o PSOE asume o goberno de España hai catro anos, a comarca atopábase cun panorama moi complexo, de baixa ocupación nos estaleiros, sen plans de diversificación industrial e reindustrialización e “hoxe o panorama é ben distinto: Navantia ten asegurada carga de traballo ata 2014, hai un Plan Ferrol que está a axudar á creación de riqueza e postos de traballo mediante o apoio aos emprendedores e empresarios privados que elixen esta zona para instalarse e hai, ademais, un foro permanente de encontro e discusión dos problemas entre as administracións e empresarios e sindicatos”.
“Iso é o que tan mal lle senta ao PP, que para este goberno a interlocución con sindicatos e empresarios é normal. Eles non o entenden, porque nin teñen vontade de diálogo nin queren solucións” –dixo Carro, que ironizou: “non sei como non lles cae a cara de vergonza cando van a propoñer aos axentes sociais unha cousa que eles chaman Plan Ferrol e empresarios e sindicatos lles contestan que o que queren é que siga o que nós puxemos en marcha”.
Xavier Carro asegurou onte que, nesta lexislatura, na comarca lograron crearse máis de 5.000 empregos, “e o noso compromiso é manter as políticas que fixeron posible este aumento de postos de traballo e o apoio específico á comarca de Ferrol, para que recupere o esplendor e a calidade de vida que merece”.
Share on Google Plus

About Miguel García

This is a short description in the author block about the author. You edit it by entering text in the "Biographical Info" field in the user admin panel.

0 comentarios: